Regades censura ao PP pola súa utilización "partidista" das administracións
Por Redacción
Para David Regades, o encontro que mantiveron Alfonso Rueda e tres conselleiros da Xunta con alcaldes e portavoces municipais do PP é unha mostra da utilización "partidista" que os populares fan daquelas administracións públicas nas que gobernan.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra censura que Rueda estea a utilizar a Xunta como un "instrumento ao servizo do seu partido".
Esta forma de actuar, engade o líder socialista, son "estratexias políticas doutros tempos que están absolutamente desfasadas" e pide ao vicepresidente galego que pida perdón publicamente por un acto no que "rodeado de logotipos do PP suscita darlle continuidade ás políticas da Xunta de Galicia".
Alfonso Rueda, segundo denuncia Regades, confunde "sistematicamente" o seu papel político e o seu papel institucional, polo que lle esixe unha rectificación inmediata por esa actitude "caciquil e propia doutros épocas".
Ademais, Regades lamenta que Feijóo lle permita este tipo de estratexias políticas que "debilitan a imaxe que debese ter dun goberno que se di de todos os galegos".
"Feijóo debe aclarar se está de acordo con este tipo de actos e actitudes do seu vicepresidente que en lugar de atender e solucionar os verdadeiros problemas de Galicia, que está totalmente desatendida, vén a manter charlas para fixar liñas políticas da Xunta cos alcaldes do PP na provincia", concluíu o socialista.