Mellorar a coordinación entre administracións, obxectivo dun encontro de traballo do PP provincial
Por Redacción
Os conselleiros Valeriano Martínez, Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuiña, xunto ao vicepresidente da Xunta e presidente provincial do PPdeG, Alfonso Rueda, protagonizaron este mércores un encontro en Pontevedra con alcaldes e portavoces populares da provincia co obxectivo de mellorar a coordinación entre administracións.
Esta xornada, que daba continuidade a outras anteriormente celebradas, puxo en marcha novas medidas para impulsar sinerxias políticas entre os membros do gabinete de Núñez Feijóo e os responsables locais coa idea, aseguran desde o PP, de dar continuidade á política impulsada polo seu partido "para solucionar as necesidades dos cidadáns".
Alfonso Rueda sinalou ao final da reunión a súa satisfacción polo nivel de participación e implicación dos asistentes e defendeu este método de traballo periódico na necesidade de "articular alternativas e propostas á cidadanía que dean verdadeira resposta ás súas necesidades e para coñecelas non hai mellor método que a transparencia e o contacto directo coa xente", asegurou.
O presidente provincial do PP explicou ademais que a "política de proximidade" que pretenden fomentar estenderase durante os próximos meses aos diferentes municipios pontevedreses con reunións abertas á participación veciñal.
Os representantes do goberno autonómico asistentes repasaron nesta reunión as liñas de actuación das súas respectivas consellerías facendo especial fincapé nos investimentos e programas de axudas que están a desenvolver.
Relacionadas:
-
O PP desvelará "en cuestión de días" o nome de "algúns" candidatos ás municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Regades censura ao PP pola súa utilización "partidista" das administracións
Por Redacción |
-
Feijóo, "orgulloso" do pasado do PP frente a partidos que son "herdeiros da nada"
Por Alejandro Espiño |