O soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro obriga a cortar un carril da rúa Portugal
Por Redacción
Os traballos de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro obrigarán este luns a pechar un carril de circulación na rúa Portugal deste barrio pontevedrés.
Para facilitar estes traballos, a Policía Local elaborou un plan de tráfico específico para mellorar a mobilidade en toda esta zona do barrio nesta primeira fase do proxecto.
A actuación, que realiza a empresa Fenosa, é unha das obras máis importantes que se tiñan que acometer no barrio, e unha reivindicación de todos os veciños e do Concello.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez; técnicos de Fenosa; e representantes da Xunta realizaron hai escasos días unha visita ao barrio na que o representante municipal insistiu no ánimo colaborador do Concello en toda a fase de obras que se prolongará ata primeiros do vindeiro ano 2019.
En 2019 está previsto comezar a retirar as torretas de alta tensión do barrio. Mentres, farase toda a canalización.
As obras son resultado dun convenio de colaboración asinado en setembro de 2007 entre o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia (Consellería de Industria) e Unión Fenosa para o soterramento desta liña eléctrica cun orzamento de 1.764.298,31 euros.
O Concello de Pontevedra foi o responsáble de executar a obra civil valorada en 649.953,40 euros, e o resto correspondía á instalación eléctrica que tiña que ser financiada pola Xunta e Fenosa en contías do 40% e do 60%, respectivamente.
O Concello executou a súa parte do convenio no ano 2009 por 506.181,09 euros. Dende ese momento, o proxecto sufriu distintos avatares durante dez anos dos que Demetrio Gómez recorda que foron alleos á decisión municipal. Finalmente, o pasado ano, Fenosa presentou no Concello o plan para soterrar esta liña dende a subestación de Mourente ata o río, baixando a rede eléctrica de Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
O soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro obriga a pechar Os Campos
Por Redacción |
-
Cortes de luz por tarefas de mantemento en Noalla
Por Redacción |
-
Plan de tráfico polas obras da alta tensión en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A liña de alta tensión de Monte Porreiro estará soterrada a finais de ano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Primeiros de marzo, data para iniciar o soterramento da liña de alta tensión en Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
Fenosa fixa para finais de marzo as obras para soterrar a liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Fenosa pode soterrar "cando queira" a liña de alta tensión de Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |