Sen mexillón na Ría de Pontevedra pola toxina diarreica
Por Redacción
A toxina diarreica ou DSP volve provocar o peche de todos os polígonos mexilloeiros da Ría de Pontevedra. Son máis de 230 as bateas afectadas por este novo parón. Segundo as analíticas realizadas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), esta toxina, que xa obrigara a prohibir a extracción entre finais de agosto e principios de setembro, volveu a reaparecer nos polígonos pontevedreses.
Trátase, segundo o sector, dun episodio considerado como normal nesta época do ano. Ademais dos polígonos denominados Portonovo A, Portonovo B e Portono C, situados entre Combarro e Portonovo, máis no interior de ría, a toxina obrigou a pechar os polígonos da beira sur, os situados en Aldán e Bueu.
Esta situación estendeuse tamén a parte dos polígonos de ría de Vigo. Aínda que cunha peculiaridade. Os tres parques pechados, dous en Cangas e outro en Vigo, son os que están situados na zona intermedia de ría, mentres que os dous polígonos situados á súa entrada, os denominados Cangas C e Cangas D, que adoitan ser os primeiros en sufrir os efectos da toxina, continúan abertos.
Polo momento, a toxina DSP non fixo a súa aparición na Ría de Arousa. Alí tan só mantense pechado á extracción o polígono ostrero de O Grove.
Os mexilloeiros agardan que, como é habitual cada ano, este episodio continúe durante un par de semanas. Calculan que poderán volver a faenar en novembro, a tempo para abastecer o mercado de cara á campaña navideña, que adoita proporcionarlles gran parte dos seus beneficios anuais. Con todo, o sector recorda que o mexillón que está no mercado conta con todas as garantías sanitarias.