O PP insta a Poio a respectar os "compromisos" co Sergas para ampliar Anafáns
Por Redacción
Desde o Parlamento galego chega unha petición ao Concello de Poio, que dean cumprimento a todos os "compromisos" alcanzados no seu día co Servizo Galego de Saúde para reformar e ampliar o centro de Anafáns. Así o manifestou Encarna Amigo, deputada do Partido Popular.
Nunha intervención na sede da cámara autonómica, a deputada popular instou ao Concello a respectar o convenio asinado en setembro de 2016 co Sergas, para que a administración sanitaria poida proceder a tramitar as actuacións necesarias.
Sen facer referencia á renuncia que fixo o Sergas a construír un centro de saúde novo, Encarna Amigo lembrou que o goberno municipal tiña que asumir todos os tramites patrimoniais e urbanísticos, así como obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Anafáns.
Así mesmo, o Concello correría cos gastos de infraestruturas, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía ou aparcamento, entre outros.
Pola súa banda, ao Sergas corresponderíalle facerse cargo das taxas de licenzas e imposto sobre a construción, instalacións e obras. Ademais, procederá á elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de ampliación do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.
A este respecto tamén se pronunciou o voceiro do PP en Poio, Ángel Moldes, que pediu ao goberno municipal que cese o "conflito permanente" coa Xunta e aposte polo diálogo e a colaboración coa administración autonómica.
Moldes reprochou a actitude do bipartito e pediu que se poñan a traballar para intentar solucionar este novo conflito, esixindo ao goberno de Luciano Sobral "que defendan en serio a proposta de toda a corporación" para construír un centro novo.
Para o concelleiro do PP, o goberno "nunca tivo a intención" de manter unha xuntanza co Sergas e ofrecer unha colaboración "leal", recordando que os responsables municipais levaban meses sen solicitar unha reunión co organismo autonómico nin aceptar ningunha das datas ofrecidas por este.
O grao de falta de colaboración e confrontación do Concello de Poio co resto de administracións "non se dá noutros lados", asegura Moldes, que engadiu que "o que pasa en Poio non é normal".
Relacionadas:
-
A plataforma de San Salvador ve un "remendo" no proxecto para ampliar o centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
Veciños de San Salvador piden que se salde a "débeda histórica" coa parroquia
Por Redacción |
-
Ampliar Anafáns é, de novo, a opción do Sergas para o centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
O novo centro de saúde, insiste o Sergas, complica o futuro dos consultorios de Raxó e Combarro
Por Alejandro Espiño |
-
Unha parcela en San Salvador, a que "máis gusta" para o novo centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |