A plataforma de San Salvador, tras coñecer o proxecto para ampliar o centro de saúde de Anafáns: "Non deixa de ser un remendo"
Por Redacción
A plataforma veciñal de San Salvador tivo a oportunidade de coñecer en detalle o proxecto para a ampliación do centro de saúde de Anafáns, en Poio, e valora con preocupación o que lle mostraron, pois considera que "é insuficiente".
"Tendo en conta que Poio é un dos poucos concellos de Galicia con crecemento poboacional positivo, esta ampliación do actual centro de saúde de Anafáns non deixa de ser un remendo que non vai cubrir as necesidades futuras, pero tampouco parece que o vaia facer coas necesidades presentes", denuncia Sergio Pereira, un dos portavoces.
Os veciños de San Salvador coñeceron o proxecto de man do Concello de Poio e o Servizo Galego de Saúde e insisten en instar a ambas as administracións a que retomen o diálogo e logren asinar un convenio que implique un centro novo, amplo, moderno e de calidade, pois "a reforma do actual Anafáns non cumpriría ningunha destas características e cremos que sería un diñeiro mal investido".
Entre outras cuestións, insisten en que un dos grandes problemas que ten na actualidade o centro de Anafáns é o complicado acceso de vehículos e persoas e este novo proxecto de ampliación non o soluciona porque non hai espazo físico para iso.
A súa demanda segue sendo un novo centro de saúde en Poio tal e como estaba proxectado e acordado entre o Sergas e o Concello, pois faría posible un servizo de atención primaria con Xefatura de servizo, unha atención de urxencias de 8.00 a 22.00 horas, unha unidade de fisioterapia, unha unidade de farmacia, un mellor acceso, un número considerable de prazas de aparcadoiro, materiais novos e de primeira calidade e un centro adaptado a persoas con diversidade funcional.
Ademais, consideran que ese centro debería estar situado xeograficamente preto do actual de Anafáns, polo que apoian que se sitúe nunha das parcelas das que se falou no seu momento nas proximidades da gasolineira de Poio. "Está en San Salvador, á beira de San Xoán e contaría cun bo acceso para os paciente", indican.
Relacionadas:
-
O Sergas volve propoñer a ampliación do centro de saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma de San Salvador reclama á Xunta que repoña as prazas vacantes nos centros sanitarios de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio axusta a edificabilidade da parcela de Anafáns para que o Sergas amplíe o centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de San Salvador piden que se salde a "débeda histórica" coa parroquia
Por Redacción |
-
O PP insta a Poio a respectar os "compromisos" co Sergas para ampliar Anafáns
Por Redacción |
-
Ampliar Anafáns é, de novo, a opción do Sergas para o centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |