A Fiscalía pide catro anos de cárcere para cinco alféreces da Escola Naval por acosar un compañeiro
Por Redacción
Para o próximo día 28 de maio está sinalado no Tribunal Militar Cuarto da Coruña o xuízo contra cinco alféreces da Escola Naval Militar de Marín para os que a Fiscalía solicita catro anos de cárcere por acosar un compañeiro durante os cinco anos que durou a carreira. Concretamente impútaselles un delito contra os dereitos fundamentais e as liberdades públicas dos militares.
Segundo un escrito do fiscal xurídico militar Jorge Arangüena, ao que tivo acceso o xornalista Joaquín Gil e que publica en páxinas de El País, a Fiscalía considera que os implicados "mantiveron de forma permanente e continua no tempo un trato de desprezo, crítica e burla con comentarios despectivos sobre a falta de aptitude profesional da vítima". O seu escrito recolle insultos que tiña que soportar "de forma constante".
O escrito do fiscal relata o grupo agresor formábano cinco oficiais, onde actuaba de líder un alférez 18 anos maior que a vítima. El foi o encargado de executar o "acoso" e as "ameazas concretas e cribles" durante cinco anos, segundo o Ministerio Público.
A vítima chegou a informar a un mando dos seus problemas cando cursaba o segundo ano da Escola Naval Militar e este suxeriulle "que tiña que ser máis dócil e, de cando en vez, entrar polo aro".
Cando os superiores decatáronse de que denunciou o acoso á Garda Civil o afectado foi sancionado cunha falta leve por "non seguir o conduto regulamentario".