A ausencia por enfermidade da avogada da defensa obriga a adiar un xuízo por agresión sexual
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A vista oral por agresión sexual prevista para a mañá deste xoves na Audiencia Provincial tivo que aprazarse unha semana. No banco sentaba un home acusado de abusar sexualmente dunha muller na Estrada en agosto de 2016.
O fiscal Juan Carlos Aladro solicita unha pena de seis anos de prisión e outros seis de liberdade vixiada.
Segundo relata a Fiscalía, o home tería abusado da muller cando se atopaba soa e completamente ebria "aproveitando que ela dificilmente podería impedirllo".
Con todo, este xoves a avogada do acusado non se acudiu na sala da sección segunda da Audiencia Provincial debido a que se atopaba indisposta. Así llo comunicaba ao imputado ao redor das 9:40 horas, segundo relatou ante o xuíz. A procuradora da defensa tamén se manifestou neste sentido e sinalou que recibira un whatsapp da letrada co certificado médico co que xustificaba a súa ausencia.
A mensaxe foi lida polo fiscal, pola acusación particular e finalmente polo tribunal. A acusación particular manifestaba as súas dúbidas sobre o contido deste informe médico no que só se especificaba que a paciente debía tomar cápsulas cada 12 horas pero non se facía referencia a que se vise imposibilitada a realizar o seu traballo.
Inés Barreiro, a letrada da acusación particular, manifestou que persoalmente este cambio orixina un transtorno na vítima xa que é unha persoa que foi asistida por unha psicóloga e necesitou tomar medicación "y esto no le ayuda", apuntou. A acusación particular pide para o imputado dez anos de prisión e unha indemnización de 100.000 euros porque "o dano que se lle fixo é irreparable".
O xuízo oral está previsto para o vindeiro xoves 12 de abril na Audiencia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Seis anos de prisión para un mozo que violou unha amiga que estaba inconsciente polo alcohol
Por Redacción |
-
A Fiscalía mantén a petición de seis anos de prisión para un veciño da Estrada por abuso sexual
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Fiscalía pide seis anos de prisión para un home por violar unha amiga que estaba borracha
Por Oskar Viéitez |