A Fiscalía pide seis anos de prisión para un home por violar unha amiga que estaba borracha
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 5 de abril un xuízo contra un home acusado dun delito de abusos sexuais con acceso carnal. A Fiscalía pide para o acusado unha pena de seis anos de cárcere e outros seis anos de liberdade vixiada.
Tamén solicita que se lle prohiba aproximarse a menos de 100 metros da muller agredida, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro frecuentado por ela, así como prohibición de comunicarse con ela por calquera medio, durante un tempo superior en dous anos á pena de prisión que se acorde.
En concepto de responsabilidade civil o acusado haberá de abonar á vítima 50.000 euros polos danos morais e secuelas psicolóxicas.
Segundo o relato dos feitos que presenta a Fiscalía no seu escrito de acusación, os feitos que se van a xulgar tiveron lugar presuntamente a noite do xoves 25 de agosto de 2016. Aquela noite a muller saíu de festa con tres amigos, entre os que se atopaba o acusado. Tras tomar varias bebidas alcohólicas, a moza comezou a sentirse moi indisposta, ata o punto de perder o coñecemento, polo que os seus amigos levárona ata a súa casa, deixándoa no sofá. Un tempo despois, sobre as cinco ou as seis da madrugada, sabendo que a porta quedara aberta, e que a moza se atopaba soa e completamente ebria, "o acusado regresou ao seu domicilio co propósito de satisfacer o seu ánimo libidinoso aproveitando que ela dificilmente podería impedirllo".
Como consecuencia destes feitos, a muller requiriu atención psicolóxica e tratamento psiquiátrico, con ansiolíticos e antidepresivos. Como secuelas psicolóxicas, permanece sintomatología propia dun trastorno de tensión postraumática, cunha relevante ansiedade, a presenza dunha síndrome afectiva grave, e depresión maior. Os psicólogos forenses advirten un forte sentimento de estigmatización que pode provocar un gran illamento e restrición social; así como a presenza de sentimentos de ira, rabia, frustración e desamparo relacionados cos feitos.