"Ante a proliferación de roedores na cidade", o PP volve preguntar polo plan de desratización municipal
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira esixe coñecer o plan de desratización do Concello de Pontevedra.
A través dunha pregunta que formularán na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente que terá lugar este martes, os populares queren saber se o Goberno local puxo xa en marcha este plan "tras as continúas queixas veciñais por mor da proliferación de roedores en diversas rúas e prazas da cidade".
"Precisamos información sobre esta problemática denunciada xa por moitos dos nosos veciños. Queremos saber se o BNG de Lores está a poñer solución aos problemas de insalubridade que supón a aparición de roedores nas nosas rúas", apuntou este luns Jacobo Moreira.
Dende o grupo municipal do Partido Popular lembran que "xa no ano 2014 vímonos obrigados a preguntar se a nosa cidade contaba cun plan de desratización municipal, en que consistía e se se estaba a aplicar. Dende o Goberno de Lores dixeron que tomaban nota e respondería as nosas cuestións, pero máis de tres anos despois seguimos sen ter datos".
Tamén en xullo do pasado ano, os populares solicitaron a desratización de diversas zonas da cidade como os barrios de A Seca e Campolongo ante a presenza de ratas tan prexudiciais e insalubres para a poboación.