Os socialistas exixen explicacións sobre o mal estado do terreo de xogo de Pasarón
Por Redacción
O grupo municipal socialista, liderado por Tino Fernández, considera que a recepción das obras do Estadio de Pasarón foi unha "trapallada" e que se executou sen garantías con respecto ás reparacións futuras. O portavoz socialista indica que agora o custo das obras terá que ser asumido polas arcas municipais e culpa desta situación ao Partido Popular, cando Rafael Louzán gobernaba na Deputación e ao goberno de Miguel Anxo Fernández Lores, á fronte do Concello de Pontevedra.
Tino Fernández lembra que no mandato pasado os socialistas negáronse a recepcionar a bora porque non había garantías do estado de execución do céspede. Os servizos ténicos municipais indicaban que era necesario contratar a unha empresa especializada que certificase o estado do campo. Os socialistas critican que o BNG se negase e asumise neste mandato a recepción do estadio "a cegas", sen avaliar o estado do terreo de xogo nin esixir que a empresa construtora reparase os "múltiples danos" da infraestrutura.
O PSOE estuda levar este tema ao pleno para que se debata e esíxase á empresa a reparación de todos os "vicios ocultos" aparecidos na construción e o "estado lamentable do terreo de xogo". Tino Fernández lembra ao alcalde de Pontevedra que debe unha explicación aos veciños pola súa actitude permisiva co PP ao aceptar un sobrecusto desmesurado na obra do novo Pasarón.