Un mozo resulta ferido e a estrada entre Cuntis e Moraña cortada pola colisión dun coche e un camión
Por Redacción
Un mozo resultou ferido e tivo que ser trasladado a un centro hospitalario tras verse implicado na colisión entre un turismo e un camión na estrada entre Cuntis e Moraña. O coche quedou envorcado na calzada e quedou totalmente esnaquizado.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse sobre as 16.55 horas na estrada PO-226. Un particular alertou do accidente e trasladáronse ao lugar a Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061 e Protección Civil de Cuntis.
A agrupación de voluntarios de Cutis indicou que o turismo sinistrado é un Peugeot 206 no que circulaban dúas persoas. Por motivos que se descoñecen, invadiu o carril contrario nunha zona de curvas e colisionar cun camión Man que circulaba na dirección contraria.
A consecuencia da colisión, o turismo quedou envorcado en ao calzada uns 8 metros máis adiante. Os voluntarios de Protección Civil axudaron o condutor a saír do coche e logo foi trasladado por unha ambulancia. Segundo fontes sanitarias, tiña unha fractura na cadeira. O acompañante non sufriu lesións e tampouco o condutor do camión.
A estrada quedou cortada durante dúas horas e, a continuación, Protección Civil regulou a circulación dando paso alternativo aos coches. O turismo quedou totalmente destruído e o camión sufriu importantes danos e tivo que ser retirado por unha grúa.