O IES Mestre Landín imprime pezas de xadrez en 3D para levar a Xordania
Por Redacción
Pezas de xadrez elaboradas cunha impresora 3D para unha causa solidaria. Este é o resultado do proxecto que o profesorado dos departamentos de Educación Plástica e Audiovisual e o de Tecnoloxía do IES Mestre Landín, de Marín, levou a cabo ao longo deste curso.
En novembro recibían unha impresora 3D Legio León. Trátase dunha ferramenta coa que a Consellería de Educación dota a centros de secundaria para que se desenvolvan iniciativas de tecnoloxía avanzada de deseño.
O titor do curso Marcos Febrero puxo en marcha a idea de crear un proxecto colaborativo coa construción de dous taboleiros completos de xadrez. Para acometer esta proposta empregouse un deseño no que o taboleiro está elaborado por pezas de quebracabezas impreso con dous filamentos branco e negro. Todas as pezas atópanse ocas, a través dunha creación hexagonal.
Desta forma, logrouse que os peóns, alfiles, cabalos, torres, reis e raíñas sexan lixeiros e, ao mesmo tempo, resistentes. A impresión 3D permite que a alta tecnoloxía chegue a países desfavorecidos.
Nos próximos meses, estes dous taboleiros coas súas pezas trasladaranse ao campamento de refuxiados de Azraq, en Xordania. Alí os integrantes da Escola de Xadrez de Pontevedra levarán a cabo distintas actividades de formación con este traballo dentro do proxecto Chess Strategy for Peace.
Durante este xoves, as persoas interesadas poden ver este material nunha mostra aberta na Casa da Luz, na praza da Verdura de Pontevedra, a partir das 20.00 horas.
Relacionadas:
-
Ao redor de 700 persoas practicarán o xaque mate esta fin de semana na cidade
Por Paula Sanmartín & Redacción |
-
Fernando Maquieira, premio extraordinario ao esforzo e superación persoal
Por Oskar Viéitez |
-
A semente do xadrez xermina no campo de refuxiados de Azraq
Por Redacción |
-
Xadrez Pontevedra regresa ao campamento de refuxiados sirios Azraq
Por Redacción |
-
A Escola de Xadrez volve a Xordania para axudar a máis de 900 nenos refuxiados
Por Noelia Torres Pintos |