Unha fochanca na vía Ourense-Vigo provoca atrasos nos trens de Pontevedra a Madrid
Por Redacción
Unha fochanca na vía provocado polo temporal Félix obrigou a Adif a interromper o tráfico ferroviario na liña que une Ourense e Vigo. Os traballos de reparación, que se estenderán por espazo de dez días, afectarán a varios trens con saída ou chegada a Pontevedra.
A incidencia foi detectada ás 11.30 horas no tramo Arbo-Frieira, na provincia de Pontevedra, concretamente no punto quilométrico 106 da liña férrea de ancho convencional Monforte de Lemos-Ourense-Vigo, un traxecto de vía única.
A vía quedou deformada tras a fochanca que apareceu nunha zona de terraplén. Operarios de mantemento traballan xa para restablecer canto antes o servizo ferroviario con plenas garantías de seguridade.
Está previsto que os traballos se prolonguen durante aproximadamente dez días, xa que é moi complicado o acceso da maquinaria á zona da incidencia.
Renfe estableceu un plan alternativo de transporte para os trens afectados polo corte.
Así, o tren Alvia entre Madrid Chamartín (16:25 horas) con destino a Pontevedra desviarase desde Ourense ata Vigo por Santiago de Compostela.
O tren hotel entre Pontevedra (21.28) e Madrid suprimiuse entre Pontevedra e Monforte. Estúdase un posible transbordo dos viaxeiros por estrada.
Ademais, víronse afectados o tren rexional entre Vigo e Ponferrada (ida e volta), o tren de media distancia entre Ourense e Vigo, o tren Alvia entre Vigo e Madrid, o tren hotel entre Vigo e Barcelona e o Intercity Bilbao-Vigo.
Adif informará puntualmente o estado da rede a través da súa web (www.adif.es), redes sociais e a app Adif no teu móbil. Pola súa banda, Renfe seguirá informando dos cambios no servizo a través da sección de Avisos da súa páxina web (renfe.com).