O tráfico ferroviario entre Pontevedra e Vigo volve á normalidade
Por Redacción
ADIF restableceu a normalidade na circulación ferroviaria pola ponte metálica de Redondela, na liña convencional entre Pontevedra e Vigo.
Este tramo levaba sufrindo cortes puntuais (de 14:15 a 17:30 horas de luns a venres) co consecuente transbordo por estrada para os pasaxeiros, desde o mes de xuño de 2017.
Este luns, segundo anuncia a empresa pública, finalizaron os traballos de substitución de traveseiros na ponte, o que permitiu restablecer a normalidade da circulación ferroviaria.
As obras teñen como obxectivo mellorar as prestacións desta estrutura para o desenvolvemento dos servizos ferroviarios e comprenden varias áreas de actuación: reforzo de elementos na estrutura metálica, actuacións sobre arcos de aproximación, estribos, bases de pilas e aparellos de apoio, así como sobre a propia vía férrea. O investimento total está orzado en 1.995.000 euros, sen incluír o IVE.
Pese ao restablecemento da normalidade na circulación, aínda quedan pendentes traballos de menor envergadura na estrutura metálica, que non precisan cortes especiais, ademais das tarefas de pintado, que se iniciarán en canto melloren as condicións meteorolóxicas. Estímase que a ponte poida chegar ao seu aspecto definitivo a finais do verán.
Relacionadas:
-
Adif restablece o tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense, interrompido por obras
Por Noelia Torres Pintos |
-
Unha fochanca na vía Ourense-Vigo provoca atrasos nos trens de Pontevedra a Madrid
Por Redacción |
-
Obras na vía férrea entre Pontevedra e Vigo provocarán cortes puntuais desde o 22 de xuño
Por Redacción |