Os axentes forestais denuncian que a Xunta lles adebeda diñeiro pola vaga de lumes do mes de outubro
Por Redacción
A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Ambientais de Galicia (APRAFOGA) e as organizacións sindicais con representación no colectivo (CIG, CCOO, CSIF e UXT) denunciaron a través dun comunicado enviado aos medios de comunicación que a Xunta lles adebeda diñeiro correspondente ao seu labor na vaga de lumes que arrasou Galicia, en especial a provincial de Pontevedra, o pasado mes de outubro.
Estes profesionais "estiveron á fronte do operativo no terreo, exercendo a dirección da extinción, tal como é a súa función", asegura o colectivo, pero "a día de hoxe seguen sen percibir un céntimo polo seu traballo, case cinco meses despois".
APRAFOGA e as organizacións sindicais critican que a administración autonómica "fixo oídos xordos a pesar das advertencias" de que ía ser unha campaña de incendios complicada, e ás solicitudes en varios escritos da renovación dunha orde de horarios que reducira o exceso as horas destes traballadores .
Doutra banda as organizacións desta asociación profesional esixen que se retomen as negociacións, iniciadas no 2017, sobre as condicións de traballo e que están paralizadas desde o mes de decembro.