Pepe Solla, recoñecido como 'galego do ano' polo Club de Xornalistas Galegos en Madrid
Por Redacción
O Club de Xornalistas Galegos en Madrid entregou este venres ao chef Pepe Solla o galardón Galego do Ano 2017.
Esta entidade, con 34 anos de historia, outorga por primeira vez a un cociñeiro a súa máxima distinción, ao entender que se trata dun "símbolo da calidade, innovación e prestixio da gastronomía galega".
Solla recibiu este recoñecemento nunha cea-gala celebrada no Hotel Intercontinental Madrid coa presenza do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, e o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, ademais da presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón.
O xornalista pontevedrés Xabier Fortes interveu no acto referíndose ao importante traballo realizado polo chef nos últimos anos renovando "un modelo de cociña que estaba esgotado".
Pola súa banda o premiado mostrou o seu agradecemento ao club nun discurso no que lembrou os seus anos de traxectoria ata converterse en referente da cociña galega cunha Estrela Michelín e tres Soles Repsol.
A presenza de Pepe Solla non se limitou á súa intervención, senón que os aperitivos que degustaron os asistentes ao principio da noite levaron o seu selo persoal e actuou como músico co mestre gaiteiro Juan Luna. O presentador de Antena 3 e vicepresidente do Club, Ángel Carreira, foi o encargado de conducir o acto.