Comeza no CEIP Amor Ruibal de Barro o programa "Saúde na Escola"
Por Redacción
Dentro do proxecto de prevención das drogodependencias e outras condutas aditivas, organizado polo Concello de Barro, o alumnado do último ciclo de educación primaria foi protagonista de dúas sesións desenvolvidas nos últimos días no colexio Amor Ruibal.
Da man de Julia Búa Núñez, técnica de prevención das drogodependencias, e coa cofinanciación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a finalidade destas xornadas é a busca da resposta ás condutas aditivas, un dos grandes problemas da sociedade actual.
Este proxecto, que comparten os concellos de Barro, Cuntis, Moraña e Portas, pretende minimizar a influencia dos factores de risco e potenciar os factores de protección ante o consumo de drogas.
O ámbito escolar é un dos idóneos para levar a cabo estas actividades de promoción da saúde e prevención das drogodependencias, por iso, cos programas "Saúde na Escola", preténdese formar aos escolares dos ciclos educación infantil, primaria e secundaria. Estes últimos realizarán as actividades proximamente.