Insurxentes atacan con lanzagranadas unha patrulla da Brilat en Afganistán
Por Redacción
Un grupo de insurxentes atacou este venres a unha sección de soldados españois mentres facían unha patrulla de presenza e seguridade na zona de Galachesme, ao norte de Qala e Naw, onde ten a base o continxente militar liderado pola Brilat na provincia afgá de Badghis.
A Brilat iniciou esta semana o regreso a España, pero segue liderando o continxente español baixo o mando do coronel Fernando García González-Valerio. O próximo 3 de maio regresará do territorio afgán a nova rotación.
O fustrigamento produciuse sobre as 13.00 horas en Afganistán, as 10.30 horas en España, e un vehículo blindado RG-31 sufriu o impacto dunha granada (RPG-7) nos baixos. Segundo informou o Estado Maior da Defensa, non se rexistraron danos persoais nin materiais.
O blindado RG-31, o mesmo modelo que sufriu o último ataque dun artefacto explosivo improvisado (IED) o pasado mércores, pertencía á unidade española 'Task Force AZOR 22' e, segundo as mesmas fontes, recibiu lume de fustrigamento de fusilería e lanzagranadas RPG-7 por parte dun grupo de insurxentes.
A unidade declarou TIC (Troops in Contact), o estado que se declara tras un enfrontamento coa insurxencia, e solicitou apoio aéreo, ao tempo que repelía o ataque abrindo lume co seu armamento de dotación.
A consencuencia diso, o posto de mando en Qala i Naw enviou unha unidade de resposta rápida (QRF) e medios de recuperación de vehículos á zona.
Non se produciron danos persoais nin materiais, incluído o vehículo que recibiu o impacto da granada, e, segundo o Estado Maior da Defensa, toda a unidade chegou á súa base en Qala i Naw sen máis novidades.