Un artefacto explosivo dana un blindado da Brilat en Afganistán
Por Redacción
Na madrugada deste mércores 17 de abril en Afganistán (de día hora española) un artefacto explosivo improvisado (IED) estoupou e alcanzou a un vehículo blindado RG-31 do Exército español. O incidente produciuse na zona de Chacable/Sapuzai, ao sur da ruta OPAL, aproximadamente a 10 quilómetros ao sueste de Muqur, na mesma provincia de Badghis na que está despregada a Brilat dende o pasado outono.
O incidente tivo como vítima ao continxente da Brigada de Infantaría Lixeira tan só uns ahoras antes de que a primeira rotación de soldados poña rumbo a España e conclúa unha estanza de seis meses no país asiático. Segundo confirmou o Ministerio de Defensa, non produciu danos persoais, aínda que si danos materiais pendentes de avaliar.
O vehículo foi remolcado por outro RG-31 a unha zona segura e está a ser trasladado á base española de Qala i Now nunha plataforma escoltada por tropas españolas, mentres que o resto da unidade continuou o apoio á operación de apoio ás forzas de seguridade de Afganistán que estaba a realizar cando sufriu o ataque.
A explosión afectou, en concreto á compañía Task Force Azor 23 e non foi o único artefacto explosivo co que se encontraron os soldados na xornada. Un primeiro dispositivo deflagrou (ardeu con chama sen chegar a estoupar) sen causar danos unha hora antes.
O incidente produciuse mentres as forzas españolas apoiaban ás Forzas de Seguridade Afgás (ANSF) no desenvolvemento dunha operación de "cordon and search" na zona de Chacable/Sapuzai coa intención de seguir premendo sobre a insurxencia, para anular a súa capacidade de combate. As forzas españolas participaron cunha unidade (task force AZOR 23) composta por unha unidade tipo compañía.
O Exército afgán (ANA), co apoio das forzas españolas, está a levar a cabo a serie de operacións Almazak en territorios considerados bastións da insurxencia. De feito, as forzas da Brilat participaron nas dúas últimas semanas en tres delas, nos vales de Darra e Bum e Piwar, no de Kargas Khol e ao Leste do val de Moqur.