O PP cualifica de "descomposición orgánica" a marcha de Andrés Díaz da dirección do PSOE provincial
Por Redacción
A dirección provincial do Partido Popular de Pontevedra emitiu un comunicado mostrando a súa preocupación pola "pobre imaxe" do PSdeG-PSOE co anuncio de dimisión feito por Andrés Díaz como secretario de organización do partido un mes despois da toma de posesión do cargo.
Os populares entenden que esta decisión do alcalde de Ponte Caldelas demostra que continúa a cultura do enfrontamento e da "rifa sistemática" entre os socialistas. Culpan a Abel Caballero, alcalde de Vigo, de instaurar estes comportamentos internos provocando "loitas fraticidas", afirma Alberto Pazos, secretario de organización do PPdeG e deputado autonómico.
Os populares consideran que os socialistas están a ofrecer unha imaxe de descomposición orgánica e observan con preocupación esta situación que "en nada favorece á democracia".
Pazos sinalou como preocupante a tendencia do PSOE e instou a David Regades e os responsables socialistas a "endereitar o rumbo" para concluír preguntándose: "se non son capaces de gobernarse entre eles, como van dirixir os designios dun país ou dunha provincia?"