Luis Gómez Piña substitúe a Andrés Díaz como secretario de organización do PSOE
Por Redacción
O PSdeG-PSOE de Pontevedra xa atopou ao seu novo secretario de organización. Luis Gómez Piña, ex deputado no Congreso, será a persoa que substitúa o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Gómez, nesta responsabilidade tras a súa dimisión.
Así o decidiu a executiva provincial do partido socialista nunha xuntanza celebrada este luns en Vilaboa.
O secretario xeral do PSdeG pontevedrés, David Regades, agradeceu o traballo de Díaz e avanzou que "sempre contará coa miña amizade e apoio para ser o próximo alcalde de Ponte Caldelas con maioría absoluta".
Regades explicou que, tras a conclusión de todos os procesos de renovación das estruturas de dirección da provincia a nivel local, o partido está "preparado, forte e cohesionado" para afrontar as futuras eleccións municipais de xuño de 2019.
O secretario xeral asegurou que o reto será seguir aumentando a súa base electoral nas eleccións municipais para superar ao PP e ser primeira forza na provincia. Regades recordou que na actualidade os socialistas gobernan a dous de cada tres cidadáns da provincia.
Ademais, David Regades anunciou que o partido está preparando a celebración dunha conferencia de política municipal no que participarán todas as agrupacións locais e contará con membros do PSOE que poidan plasmar as súas experiencias e opinións sobre os gobernos municipais.
Esta conferencia, a xuízo do secretario xeral, marcará o inicio da labor de traballo de cara ás eleccións municipais.
Tras a conclusión da executiva, por primeira vez, abriuse unha asemblea dos militantes da comarca do Morrazo cos propios integrantes da dirección provincial. Nesta xuntanza, preto dun cento de militantes puideron falar cos membros da executiva de todas as súas inquedanzas.
Regades salientou que este tipo de asembleas de toda a militancia coa dirección provincial é unha forma de ter un contacto directo con cada un dos membros do partido e que dun xeito aberto e de debate poidan falar e preguntar sobre aquelas cousas que lles preocupan.
Estas xuntanzas van repetirse naquelas localidades onde a executiva realice as súas xuntanzas fóra da capital.
Relacionadas:
-
Os socialistas anuncian unha conferencia municipal na provincia para preparar as eleccións do próximo ano
Por Redacción |
-
O PP cualifica de "descomposición orgánica" a marcha de Andrés Díaz da dirección do PSOE provincial
Por Redacción |
-
Andrés Díaz dimite como secretario de organización do PSOE pontevedrés
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Pulso público entre Abel Caballero e Andrés Díaz polo transvasamento do Verdugo
Por Redacción |