Carballedo moderniza a súa biblioteca
Por Redacción
Un investimento de 22.000 euros permitiu ao Concello de Cerdedo-Cotobade acometer diversas melloras e obras de modernización das instalacións da biblioteca pública de Carballedo, unha das tres coas que conta o municipio.
Foi grazas a unha subvención habilitada pola Consellería de Cultura para estes fins en locais culturais de toda Galicia.
Os traballos foron revisados polo presidente municipal, Jorge Cubela, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
As obras permitiron acometer unha reforma da cuberta e axustar diversos espazos de entrada de luz para evitar molestias aos usuarios. Ademais, efectuáronse outras pequenas reformas que viñan sendo demandadas e cuxa necesidade xa fora detectada polo goberno local.
Cubela, que agradeceu a colaboración de Anxo Lorenzo e do seu departamento para sufragar esta obra e a súa presenza en Carballedo, quixo destacar a importancia deste investimento "para acadar un espazo de lectura e estudo moito máis confortable".
Ademais, indicou que aínda restaría por facer algunha outra pequena obra para habilitar un espazo para actos e corrixir algún ruído e revelou que xa se está a traballar neste proxecto.
O presidente municipal fixo un pequeno percorrido por todo o inmoble multiusos onde se empraza a biblioteca con Anxo Lorenzo, que se interesou polo arquivo municipal e pola sala de informática. Todas estas instalacións están anexas ao consistorio e o centro de saúde da localidade.