Comeza a reurbanización da Praza do Concello en Cerdedo
Por Redacción
A empresa Nexia comezou este luns a obra de reurbanización da Praza do Concello de Cerdedo coa retirada do enlousado de pedra, do que se fará acopio para seren aproveitado agás no caso das pezas que estean deterioradas ou rotas.
Así, e dado que a praza está cortada e prohíbese o estacionamento na mesma, os residentes na Calzada de Outraldea deberán utilizar a rúa da Constitución para chegar ás súas vivendas. Polo demais, o tránsito peonil ata a casa consistorial e algunhas vivendas da zona está perfectamente establecido con pequenos pasillos.
Deste xeito, comeza a segunda obra do Plan Hurbe da Xunta no municipio, orzamentada nuns 180.000 euros e que conta cun prazo de execución dun mes. Ademais, a actuación prevista vai ser superada, xa que a adxudicataria recolleu na súa oferta as tres melloras incluídas no proxecto de licitación por un importe de 53.000 euros. Así, haberá melloras no alumeado valoradas en 1.231 euros, na pavimentación da praza por 18.272 e na pavimentación da Calzada de Outraldea por 33.572.
A Praza do Concello de Cerdedo estaba pavimentada con pezas de granito cun acabado moi irregular, sobresaíndo unhas por riba das outras ou incluso con roturas, principalmente polas condicións do terreo e polo paso de vehículos. Esta situación motivaba inconvenientes aos peóns e ao tráfico e incluso xeneraba risco dalgún accidente.
O proxecto contempla a retirada de todo o pavimento empedrado co acopio das pezas que se atopan en bo estado para a súa posterior reutilización e o levantamento do parque infantil, da pérgola con estrutura de madeira e das luminarias existentes para o seu aproveitamento.
Tras esta primeira fase de demolición, procederase á pavimentación de toda a praza con zahorra, formigón e mallazo e, sobre esta soleira, instalarase o novo enlousado con pedras de granito cun groso de 15 centímetros. Ademais, o proxecto tamén contempla a canalización do saneamento e a dotación de recollida de pluviais e de puntos de luz do alumeado público.