A renovación en Cerdedo da Praza do Concello chega á súa recta final
Por Redacción
A falta de colocar o novo mobiliario urbano, a reforma urbana da Praza do Concello de Cerdedo está rematada. Trátase dunha actuación na que se invisten 180.000 euros do Plan Hurbe da Xunta de Galicia.
As obras incluíron a renovación de todas as súas lousas de pedra e o soterramento de todos os servizos públicos. Supuxo a segunda actuación do Plan Hurbe no municipio tras a humanización do acceso á igrexa de Tenorio.
A reforma era necesaria, recorda o goberno municipal, xa que as pezas de granito do firme presentaban un acabado moi irregular, sobresaíndo unhas por riba das outras. Esta situación provocaba a súa rotura, principalmente polas condicións do terreo e o paso de vehículos, polo que se xeraban molestias aos peóns e ao tráfico e risco de accidentes.
Os traballos efectuados consistiron, inicialmente, na repavimentación de toda a praza e, sobre a nova soleira, a instalación dun novo enlousado con pedras de granito cun groso de 15 centímetros. Xa nos últimos días procedeuse ao soterramento dos servizos de abastecemento de augas, canalizacións de pluviais e fecais e rede de alumeado, polo que só resta a colocación dunha fonte, unha pérgola e os puntos de iluminación para acadar o fin de obra.
Ademais, no marco desta actuación tamén se executaron melloras a maiores do proxecto inicial nas pavimentacións da praza e da rúa de Outraldea.
Cubela explicou que esta obra era moi necesaria, "especialmente por cuestións de seguridade, aínda que a reforma tamén redundou nunha importante mellora estética" e amosouse convencido de que as novas lousas, cun maior grosor, "permitirán que a praza manteña o seu tránsito habitual sen roturas nin risco de incidencias".