A vieira da cervexaría Alameda triunfa no Caldelas Tapas Quentes
Por Redacción
Xa se coñece o nome do gañador do Caldelas Tapas Quentes, o certame gastronómico que amenizou os venres de Nadal en Ponte Caldelas. O xurado elixiu a vieira da Cervexaría Alameda como a mellor proposta presentada polos trece locais participantes.
Os cociñeiros encargados do fallo volveron ser Rubén González (El Cafetín de Pontevedra) e Sergio Orge, ata o de agora cociñeiro tamén do Cafetín, pero que vén de emprender unha nova aventura gastronómica con sede en Barro.
Tamén decidiron outorgar unha mención especial ao local O Recanto, pola súa tapa "Lo ves, pero no lo ves".
As votacións do público (aínda que non daban dereito a premio) tamén coincidiron en sinalar á tapa da Alameda como a mellor, aínda que seguida con moi pequena diferenza polas presentacións de El Chavo e Jamarte.
Por outra banda, no sorteo realizado entre os clientes que conseguiron probar as 13 tapas e encheron a cartilla de valoración, resultou agraciada Trinidad Fernández Oubiña, veciña de Xesta (A Lama). Nos próximos días recibirá o vale de compra de 100 euros para mercar no comercio local de Ponte Caldelas co que estaba dotado este premio.
Entre todos os participantes conseguiron vender algo máis de 5.000 tapas, mantendo así o gran nivel de aceptación que esta iniciativa gastronómica acadou en Ponte Caldelas.
As tapas de Ponte Caldelas ofrecéronse durante todo o mes ao prezo de 2,50 euros, incluíndo tamén a bebida, o que contribuíu unha vez máis ao éxito do certame, que foi quen de atraer a moito público dos concellos dos arredores.