A nova comisión veciñal de Monte Porreiro presenta un listado cos seus once obxectivos
Por Oskar Viéitez
A nova comisión de veciños constituída en pasado mes de novembro en Monte Porreiro emitiu un comunicado no que pretender que "quede claro que esta comisión non está contra o compost" e tamén rexeitan que o seu obxectivo sexa "enfrontar o barrio".
No escrito expoñen unha listaxe cos obxectivos que se propón esta comisión veciñal, que pasan porque o concello lles facilite o plan de repartición de composteiros para Pontevedra cidade. Aseguran que cando o resto de barrios xa teñan colocados os que lle correspondan, "se no barrio tense que colocar algún máis, serán instalados sen problema".
A isto engaden que a falta de limpeza converte o barrio en insalubre tanto para nenos como para persoas maiores ou que, en materia de transporte público, está a pagarse unha tarifa interurbana cando debería ser urbana e máis barata "ou mesmo a custo cero para segundo que colectivos".
Os veciños tamén reclaman soterrar por fin a liña de alta tensión, buscar solución ao "grave problema" das mascotas no barrio, tratar en medida do posible de que a escola taller funcione de novo ou como escola ou como parque móbil de concello "para desde aquí cubrir as necesidades do barrio" ou acordar co concello un equipo de mantemento para que non se deterioren os parques infantís, podas, pintura ou alumbrado.
Ademais, piden ter un posto da policía local e unha asistente social permanente no barrio e que se consensúe con todos os veciños o modo e a forma para que na asociación de veciños "colaboremos todos".
O comunicado conclúe pedindo "ser escoitados" polo Concello e a dimisión do presidente da Asociación de veciños O Miradoiro, Carlos Diéguez, "xa que entendemos que non está para defender os problemas do barrio, pero si para defender os intereses do concello".
Relacionadas:
-
O PSOE denuncia que o compost elaborado en Monte Porreiro permanece apilado en bolsas
Por Redacción |
-
Profesores de Monte Porreiro recollen sinaturas en defensa da compostaxe
Por Redacción |
-
Lores ve "intereses políticos" nas "tensións sociais" que provoca a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
O PP local reúnese coa recén formada comisión de veciños de Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera lamenta que o PP estea a "quentar a cabeza" aos veciños dicindo que os composteiros son ilegais
Por Oskar Viéitez |
-
Unha comisión supervisará a instalación de composteiros comunitarios en Monte Porreiro
Por Redacción |