Gambóns, rape e doces do Nadal para os pacientes que teñen que despedir o ano no hospital
Por Redacción
Gambóns con dúas salsas, crema de espárragos trigueiros, rape á americana acompañado con gambas, doces do Nadal e as uvas da sorte. Ese será o menú que cearán en Noitevella os pacientes que teñan que despedir o ano 2017 ingresados nos hospitais pontevedreses. Para a comida do primeiro día do ano terán preparado sopa de ave con tropezóns, vieiras ao forno, bitokes de tenreira con patacas pontenovo e champiñóns, e de sobremesa, torta de xema tostada ou macedonia natural de froitas.
Os datos facilitounos o Servizo Galego de Saúde a través dun comunicado no que informa de que o servizo de hostalería do Hospital Montecelo ultima estes días os preparativos para a celebración de fin de ano e Aninovo no centro hospitalario con menús especiais que se sevirán, segundo as estimacións realizadas, a preto de 220 pacientes hospitalizados a noite do 31 de decembro.
Tanto os pacientes como o persoal de garda do centro hospitalario poderán desfrutar dos pratos e doces típicos do Nadal, xa que o equipo de cociña enviará unhas bandexas con doces para os profesionais que teñan que traballar no centro nestas festas. No caso dos pacientes, os turróns estarán axeitados a cada tipo de dieta por textura e compoñentes en azucre.
O menú tamén inclúe outra data especial destas festas, o día de Reis, que no hospital comezará cun almorzo que incluirá café con leite, o tradicional roscón de Reis e zume. O menú do xantar consistirá en sopa de pasta, langostinos ao vapor, pavo con arroz pilaw e pemento asado, e de sobremesa, pera en xugo de laranxa e canela.
A xefa de cociña de Montecelo, Loida Río Salvador, explica, en declaracións facilitadas polo centro hospitalario, que a preparación das comidas nestas datas conleva moita organización previa, posto que dunha quenda para outra, pinches e cociñeiros procuran adiantar todo o que poden, de maneira que chegadas as festas poidan elaborar cada prato con todo o agarimo do mundo. Así, todas as sobremesas que se servirán os vindeiros días están feitas e etiquetadas de maneira personalizada polo persoal de cociña.
Relacionadas:
-
Menús especiais para os pacientes ingresados nos hospitais durante o Nadal
Por Redacción |
-
Gambóns, crema de espárragos, langostinos ao vapor e bacallau á galega menú especial nos hospitais pontevedreses
Por Redacción |
-
Mariscos, bacallau con coliflor, cordeiro asado, para os pacientes ingresados en Montecelo
Por Redacción |
-
Os hospitais públicos pontevedreses preparan menús especiais para os seus pacientes en Noiteboa e Nadal
Por Redacción |