Mariscos, bacallau con coliflor, cordeiro asado, para os pacientes ingresados en Montecelo
Por Redacción
A cociña do hospital Montecelo é a diario un fervedoiro de actividade, na que un equipo composto por cociñeiros, pinches, gobernantas, administrativos e técnicos en dietética e nutrición traballan para converter a comida nun factor máis para a recuperación do paciente. Durante estas festas, o equipo elabora uns menús moi coidados que combinan os pratos tradicionais do Nadal cunha dieta saudable e equilibrada.
Así os pacientes que non teñen restricións especiais por motivos terapéuticos, o que se coñece como dieta basal, cenarán en Noiteboa crema de mariscos, lagostinos al vapor, bacallau con coliflor e un variado de doces do Nadal. A comida do Nadal consistirá nunha crema de ave con picatostes, salpicón de marisco e cordeiro asado ao forno con patacas panadeira e de sobremesa, tronco do Nadal.
Para celebrar o remate do ano, a cea do día 31 de decembro consistirá en lagostinos ao vapor, crema de espárragos e rape á americana con gambas. O menú do Ano Novo inclúe crema de ave con tropezóns, vieiras ao forno e ossobuco de tenreira con puré de patacas. E os tradicionais doces do Nadal.
Tamén a festa dos Reis Magos celébrase en Montecelo cun menú especial consistente en sopa de pasta, lagostinos ao vapor e pavo de reis con guarnición e pemento asado.
A COCIÿA DE MONTECELO, UN TRABALLO EN EQUIPO
Preto de mil menús sérvense ao día neste centro sanitario, entre almorzos, comidas, merendas e ceas, todos eles axustados ás necesidades terapéuticas, dietéticas e nutricionais dos pacientes e, nos casos das dietas normais, tamén ás súas preferencias e gustos.
Para o equipo de cociña do hospital Montecelo un prato é algo máis que comida nun recipiente. Por iso, tras cada bandexa servida a un paciente hai un gran traballo previo para conseguir un menú saudable, equilibrado e baixo en contido graxo, pero tamén servido con mimo para lograr unha colocación de alimentos con cor e harmonía, con calidades e cantidades que permitan obter un resultado beneficioso para a saúde e para o ánimo do paciente.