A gala benéfica de Down Xuntos chega á súa 21 edición o próximo 27 de decembro
Por Redacción
O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores 27 de decembro, a partir das 20.30 horas, unha nova gala benéfica da Asociación Down Pontevedra Xuntos, que alcanza este ano a súa edición número 21.
Baixo a dirección do cantante Ángel Barry, o evento converteuse nunha das iniciativas insignia que a asociación leva a cabo para recadar fondos destinados a financiar e potenciar o seu Servizo de Promoción de Autonomía Persoal.
Este ano tamén servirá para axudar a paliar os gastos ocasionados con motivo da adquisición e acondicionamento do novo local para a asociación, que está a piques de estrearse e que desde hai varios anos converteuse nun dos principais obxectivos de Down Pontevedra Xuntos.
Ademais dos artistas habituais, como a Orquestra Pontevedra, a estrela do music hall Christian e o grupo de teatro Axóuxere, cuxos integrantes son usuarios da asociación, a gala contará con cantantes da orquestra Panorama, o mozo pianista José María Martínez Loira ou os concertistas María Penas e Rodrigo Portela, soprano e pianista respectivamente.
Rocío, a "diva satánica" do concurso La Voz, a cantante Tania Fuego e o coñecido humorista Fredi Cruxer completan o elenco artístico da gala. Iso si, non están descartadas máis actuacións sorpresa.
As entradas anticipadas poden adquirirse na Perfumería Tito de la Peña da rúa Oliva ou no local da asociación situado na rúa Rouco número 1- 2º piso. O prezo é de 8 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos menores de 12 anos. En horas previas tamén se poderán adquirir nos despachos de billetes do propio auditorio.