Música, teatro e humor enchen o Pazo da Cultura coa gala benéfica de Xuntos
Por Redacción & Mónica Patxot
O Pazo da Cultura mostrou este xoves o seu mellor aspecto para acoller unha nova edición, a número vinte e unha, da gala benéfica da Asociación Down Pontevedra Xuntos.
Centos de persoas gozaron dun evento, dirixido polo cantante Ángel Barry, que estivo cheo de actuacións para todos os públicos.
A gala contou con artistas habituais como a Orquestra Pontevedra, a estrela do music hall Christian e o grupo de teatro Axóuxere, cuxos integrantes son usuarios da asociación.
Ademais, actuaron cantantes da orquestra Panorama, o mozo pianista José María Martínez Loira, os concertistas María Penas e Rodrigo Portela, soprano e pianista respectivamente, Rocío, a "diva satánica" do concurso La Voz, a cantante Tania Fuego ou o humorista Fredi Cruxer.
Como é habitual, a gala serviu para recadar fondos destinados a financiar e potenciar o Servizo de Promoción de Autonomía Persoal da asociación, así como paliar os gastos de adquisición e acondicionamento dun novo local.