A Apalpadora, unha figura para "normalizar" a presenza da muller nos "referentes" do Nadal
Por Redacción
Os nenos da provincia recibirán este Nadal, por vez primeira, a visita da Apalpadora. Protagonizará a metade das actividades que organiza a Deputación de Pontevedra, xunto co tradicional Apalpador, co obxectivo de introducir a figura feminina nestas festas e normalizar a presenza da muller nos referentes míticos do Nadal.
Así o destaca o departamento de Cultura e Lingua, que adianta que o programa Nadal en Galego pasará este ano por unha trintena de concellos da provincia.
Ademais, as actuacións que se realicen no marco deste programa terán como eixo central a sensibilización sobre o coidado do monte e a preservación das especies autóctonas.
Estas visitas incluirán o reparto de landras entre os nenos. Realizarase en sobres deseñados especificamente para este itinerario que, baixo o título Como ter un carballo. Sementa un carballo recollen unha explicación sobre o proceso de xerminación da landra e das súas características. As landras proveñen da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Ponte Caldelas, Poio e Pontevedra serán os tres primeiros concellos, o próximo xoves 21 de decembro, en recibir esta visita. O resto da programación pódese consultar nesta ligazón.
O espectáculo de Nadal en Galego tamén inclúe a narración oral e a música, para o que a Apalpadora e o Apalpador van acompañados dun acordeonista, que xiran ao redor de historias tradicionais galegas, así como da importancia da compostaxe, de coidar os montes e da necesidade de evitar os incendios.
Este espectáculo, recordan desde a Deputación, vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con esta figura mítica galega e coñecer a súa historia.
Orixinalmente o Apalpador representábase como un carboeiro de barba vermella e, segundo a tradición, baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeran suficiente durante o ano e deixáballes a cambio agasallos e castañas, ao tempo que lles desexaba un novo ano cheo de felicidade e comida.