A Apalpadora estréase no Cordo Boullosa repartindo landras e consignas medioambientais
Por Oskar Viéitez
"Non prendas lume, planta árbores" foi unha das múltiples consignas medioambientais que lanzou a Apalpadora na súa estrea ante os 280 alumnos do CEIP Manuel Cordo Boullosa que cantaron este xoves aos ritmos que marcaban o seu pai, o Apalpador, e os dous músicos que os acompañan.
Con esta actuación iniciaron o percorrido que os levará por 27 concellos da provincia no marco do programa "Nadal en galego" promovido pola área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
"Intentamos contribuír a que a rapazada tome conciencia sobre o coidado do medio natural, e con este reparto de landras queremos que se sintan parte da recuperación da súa contorna" indicou o deputado Xosé Leal, que se achegou ata o centro educativo para participar no arranque da xira.
Tanto a actuación no colexio de Ponte Caldelas como as que virán de seguido no CEIP Espedregada en Poio e a do Centro Príncipe Felipe, inclúen este espectáculo especial. Nas vindeiras actuacións, que se prolongarán ata o 31 de decembro, as actuacións xa non serán conxuntas, senón que dunha banda actuará o Apalpador acompañado dun acordeonista, e doutra a Apalpadora acompañada dun guitarrista.
Hai que lembrar que este ano, a principal novidade é a introdución da figura da Apalpadora, "co obxecto de normalizar a presenza da muller no contexto do Nadal carente, ata o de agora, de referentes míticos en clave feminina", din dende o goberno provincial.
Relacionadas:
-
Os Reis Magos chegarán a Ponte Caldelas cun festival a cuberto da choiva
Por Redacción |
-
O Apalpador e os seus músicos percorren Eduardo Pondal e O Gorgullón
Por Redacción |
-
Un calendario para presumir todo o ano das paisaxes de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A Apalpadora, unha figura para "normalizar" a presenza da muller nos "referentes" do Nadal
Por Redacción |