Marín quere cinco bandeiras azuis o vindeiro verán
Por Redacción
O próximo verán, o Concello de Marín quere que Loira se sume a Portocelo, Mogor, Aguete e Santo do Mar como praia con Bandeira Azul. As outras catro xa obtiveron este verán a certificación e o galardón quedando fóra a de Loira porque en lugar de ter unha calidade "excelente" quedou en "boa", segundo expoñen desde o goberno local.
Tamén está previsto que o Concello presente o Centro de Interpretación de petróglifos como candidato a Centro Azul e as rutas de sendeirismo de Viario de Praias e dos 5 Miradoiros como candidatos a Sendeiros Azuis.
Os criterios para lograr a Bandeira Azul agrúpanse nas áreas de calidade das augas de baño; información e educación ambiental; xestión ambiental e seguridade; ademais de servizos e instalacións.
Un xurado internacional, presidido pola FEE e no que participan axencias de Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Turismo, é o encargado de analizar as candidaturas seleccionadas. En España o xurado está presidido por ADEAC.