Unha xincana que comeza con Gómez Noya para descubrir a Illa do Covo
Por Alejandro Espiño
Unha ferramenta para que turistas e veciños de Pontevedra descubran a riqueza natural e patrimonial da Illa das Esculturas ou Illa do Covo. É o primeiro proxecto que financiará o Concello de Pontevedra con cargo aos fondos europeos DUSI.
Facendo uso das novas tecnoloxías, esta iniciativa propón unha xincana pola Illa do Covo para que os seus visitantes vaian percorrendo todo este espazo, en busca dunha serie de pistas coas que completar este reto.
Un animado Javier Gómez Noya, pentacampión do mundo de tríatlon, é o mestre de cerimonias desta xincana, propoñendo aos participantes o primeiro destes retos que irán coñecendo a través de vídeos elaborados polo colectivo cultural Polo Correo do Vento.
Para iso, empregaranse os códigos QR para dispositivos móbiles, desde os que os participantes na xincana poderán ir accedendo aos sete retos que se expoñen.
Todos aqueles que completen a proba recibirán un diploma acreditativo como "guías oficiais" da Illa do Covo, segundo explicou a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, para quen esta tecnoloxía é a maneira " máis axeitada" para que participen os nenos ao permitirlle unha maior autonomía.
O orzamento desta iniciativa, que estará dispoñible en galego, castelán e inglés, alcanza os 20.000 euros. A primeira demo deste programa gravarase a próxima semana.