Sanxenxo contará cun parque canino a partir da próxima semana
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo destinará 20.296,67 euros á construción dun parque canino en Baltar, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A petición da concellería de medio ambiente redactouse un proxecto coa fin de crear un espazo habilitado para mascotas nunha zona verde de titularidade municipal.
Nun primeiro momento, o goberno local quixo situar este parque nunha parcela situada a poucos metros do IES Sanxenxo, pero a petición dos veciños a localización definitiva será uns metros máis abaixo, nun un emprazamento que consideran "ideal" por ofrecer zona de sombra, ter boa accesibilidade e estar ben situado.
O espazo na que estará o parque comprende unha área total de 511 metros cadrados, nos que se colocará un valado metálico perimetral con paneis e unha porta de acceso.
Posteriormente instalaranse os diferentes elementos de xogo, de madeira tratada e polietileno. Haberá un anel, que será un panel cunha apertura para saltar; unha empalizada, que é unha pirámide antiescorregadiza con banzos para subir e baixar; un balancín e un túnel ríxido.
No parque tamén se colocará mobiliario urbano como bancos, unha fonte, papeleiras e o cartel informativo sobre o mesmo. As obras comezarán a executarse a próxima semana.
Desde a concellería de medio ambiente esperan que veciños e visitantes poidan gozar destas instalacións. Os primeiros porque terán un lugar de diversión e esparexemento cos seus animais. E os segundos porque cada vez son máis os turistas que apostan por gozar das súas vacacións acompañados das súas mascotas. Por iso, no municipio xa hai unha gran cantidade de establecementos que permiten a entrada de animais.