A CIG sae á rúa contra "un Goberno mentireiro que lexisla a favor da banca"
Por Redacción
Un cento de representantes sindicais, afiliados e simpatizantes da central sindical CIG saíu á rúa ao longo deste xoves en Pontevedra para protestar pola constatación de que "co Goberno do PP e o PP e a Unión Europea, menos dereitos, máis pobreza".
O acto central do día foi unha concentración ás 20.00 horas da tarde na praza da Peregrina, pero os sindicalistas quixeron quentar motores pola mañá cun encerro nas oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social na rúa Gagos de Mendoza.
O encerro comezou arredor das 12.30 horas, tivo unha vintena de asistentes e prolongouse durante media hora. Os representante da CIG levaron a súa pancarta contra o Partido Popular e a UE ao interior das oficinas e xeraron situacións curiosas como a dunha señora que se achegou para preguntarlles: "Pero como é posible que sexades do PP? Todos os partidos son malos".
Xa pola tarde, a concentración tivo unha maior asistencia, entorno ao centenar de persoas. O secretario comarcal da central sindical, Rafael Iglesias, colleu o altofalante para protestar contra "un Goberno mentireiro que lexisla a favor da banca e dos grandes capitais, ás órdes de Bruxelas".
A concentración convocouse para "protestar por todas estas últimas reformas do PP que só serven para crear máis pobreza: decreto para a contratación da mocidade, autorización ás mutuas para dar altas por enfermidade, reforma das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e golpe ao dereito do subsidio para maiores de 55 anos".