Rafael Iglesias lidera unha ampla manifestación no seu último 1 de maio como secretario comarcal da CIG
Por Anxo Lourido
Rafael Iglesias ofreceu un mitin duro na Praza do Teucro ao final da marcha convocada pola CIG. O secretario comarcal do sindicato nacionalista non liderará a marcha do Día dá Clase Traballadora de 2014 porque o seu mandato chega á súa fin e na súa intervención, ante centos de manifestantes, atacou os dirixentes da Unión Europea e os gobernos do Partido Popular aos que cualificou de "ladróns".
Iglesias fixo un chamamento a levar as protestas á rúa ante esta política económica "hai que presionar para que esta política cambie e se incentive a economía. A xente ten que vivir". Entre os asistentes atopábanse varios concelleiros do BNG no goberno de Pontevedra encabezados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que compartíu pancarta co, ata hai uns meses, portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Tamén asistíu á marcha o alcalde de Poio, Luciano Sobral.
O máximo representante comarcal da CIG tamén fixo un chamamento á unidade sindical nas futuras protestas "porque hai que parar os recortes sociais e lanzar alternativas que pasan por unha reforma fiscal e pola defensa da banca pública galega. Se queremos ter futuro para os sectores produtivos, necesitamos que se deixen de regalar subvencións ás igrexas, os gastos militares e que desaparezan as Deputacións". Rafael Iglesias indicou que o goberno xa alerta de que o paro continuará con estes rexistros ata 2016 como mínimo e engadíu "a xente non vai cobrar prestacións por desemprego, non van contar con axudas os maiores de 65 anos, nos anuncian outra reforma das pensións. Isto de baixarlle os salarios aos traballadores un 20 ou 30% é para darllo á banca. Estamos en desacordo".
Durante a concentración na Praza do Teucro, membros da APDR aproveitaron para recoller sinaturas para solicitar que se impida que ENCE continúe 75 anos máis en Lourizán.
Relacionadas:
-
A CIG maniféstase este xoves ante AEMPE porque "non cremos no pacto social polo emprego"
Por Anxo Lourido |
-
As diferenzas da CIG cos outros sindicatos impiden unha celebración conxunta do 1 de maio
Por Redacción |
-
A CIG sae á rúa contra "un Goberno mentireiro que lexisla a favor da banca"
Por Redacción |