Diversas asociacións reciben axudas para actividades educativas e festas gastronómicas
Por Redacción
As actividades educativas e as festas gastronómicas tradicionais en Cerdedo-Cotobade contan co respaldo económico municipal tras a firma dos convenios de colaboración con diferentes colectivos deste municipio por un montante que ascende a 9.000 euros, segundo o goberno local, e aos que hai que sumar achegas en especie.
O presidente municipal Jorge Cubela asinou os acordos con representantes das festas do Requeixo da Corredoira, a filloa de Valongo e o Becerro Ecolóxico ao Espeto de Viascón. Cada unha destas celebracións contará con 800 euros para financiar gastos. Estas festas tamén contaron con espectáculos e actuacións musicais, coa achega económica do Concello ao Plan Cultural da Deputación polo que se regulan.
Segundo o goberno de Jorge Cubela só queda asinar o convenio coa comisión do Bolo de San Martiño de Borela, que se realizará proximamente cando finalice a fase administrativa de xustificación dos gastos.
Tamén se pecharon dous convenios coas anpas dos colexios de Carballedo e Tenorio, que recibirán 2.000 euros cada unha para o financiamento do transporte que permite que os menores acudan á actividade extraescolar da piscina. Tamén está previsto que se asine un acordo similar co colectivo do centro de Cerdedo para sufragar os gastos das clases de patinaxe.