A Xunta leva retirados 700.000 expedientes dos xulgados pontevedreses
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este venres que se levan retirados dos xulgados galegos máis de 1 millón de expedientes xudiciais.
Rueda bromeou dicindo que gardados nas súas correspondentes carpetas e postos en ringleira estes expedientes ocuparían dez quilómetros lineais. Ademais tamén foron retiradas 100 toneladas de pezas de convicción.
Alfonso Rueda fixo estas declaracións antes de visitar o depósito xudicial que a Xunta ten habilitado no edificio administrativo de Campolongo, onde indicou que grazas ao proceso de expurgo que o goberno galego puxo en marcha no ano 2013, liberouse espazo nas sedes xudiciais galegas, acadouse unha mellor organización e ademais de recuperar e conservar adecuadamente documentos de valor histórico xa que algún deles datan de principios do século pasado.
No día de hoxe foron trasladadas un total de 363 caixas de documentación xudicial do Xulgado do Social nº1 de Vigo, á espera que a Xunta de Expurgo determine a súa eliminación definitiva ou a conservación naqueles casos de documentos con interese histórico.
Nos orzamentos do ano que vén resérvanse 80.000 euros para continuar co proceso de expurgo.
Ademais do depósito situado en Campolongo, outra parte da documentación procedente doutros xulgados da provincia se está a gardar nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, organismo dependente da Vicepresidencia da Xunta.
Rueda salientou que o proceso de expurgo é unha "firme aposta do actual goberno" e que se está a levar a cabo de xeito progresivo en toda Galicia, sendo Pontevedra a provincia no que vai máis avanzado, co 70 por cento do total galego, acadando os 700.000 expedientes.