Comeza a destrución de máis de 270.000 expedientes de xulgados de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Galicia comezaba este xoves o proceso de destrución de máis de 270.000 expedientes de diferentes órganos xudiciais da provincia. Esta actividade desenvólvese unha vez que a Xunta de Expurgación de Documentación Xudicial de Galicia aprobou o 1 de xullo de 2019 a eliminación de varias fraccións de serie, ao entender que carecen de valor como patrimonio documental.
Trátase, na maioría dos casos, de expedientes de xuízos de faltas e dilixencias previas sobreseídos. Ademais elimínanse neste proceso ao redor de 10.000 expedientes de recursos de apelación da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Os partidos xudiciais que ven afectados por esta intervención son os de Cambados, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Lalín e Ponteareas.
Destruiranse 4.549 caixas con documentación e a maior parte destes expedientes atopábanse almacenados no Arquivo Xudicial Territorial situado no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, onde varios operarios retiraban este xoves o material para a súa destrución.
Con esta acción, a Xunta pretende racionalizar o espazo nos arquivos xudiciais e mellorar a xestión dos órganos xudiciais da provincia, segundo indican desde a administración autonómica.
Relacionadas:
-
Os pacientes hospitalizados serán examinados de xeito telemático polos xulgados
Por Redacción |
-
O pleno do CGPJ reúnese no novo edificio xudicial e pon o foco na situación da xustiza en Pontevedra
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Xunta leva retirados 700.000 expedientes dos xulgados pontevedreses
Por Oskar Viéitez |