"Como me deu pena, non a quixen matar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra o veciño de Cangas Alfonso C.B., inicialmente acusado dunha tentativa de homicidio por acoitelar e golpear á súa parella na localidade de Valga en outubro de 2015, e para o que a Fiscalía decidiu cambiar a acusación e pasar a consideralo autor dun delito de lesións agravado.
A fiscal do caso, Rosalina Carrera, considera que o acusado si tiña intención inicial de matar á súa parella aquel día en Valga, pero que finalmente "desistió, desistió él voluntariamente". Aínda que descoñece o motivo polo que deixou de agredila, considera que "hubo un período de tiempo en el que dejó de apuñalarla", de modo que mantén que xa non se lle pode acusar do delito de homicidio en grao de tentativa que sostiña ao comezo da vista oral, pois produciuse "desestimiento activo en tentativa de homicidio".
O novo escrito de acusación da Fiscalía pide que se aplique ao acusado a circunstania atenuante analóxica de alteración psíquica, pois ten un atraso mental moderado e un trastorno somatomorfo que afecta moderadamente á súa capacidade volitiva. Pide que sexa condenado a tres anos e medio de prisión, cinco anos de liberdade vixiada e sete anos de ordel de afastamento da súa ex parella e vítima. Inicialmente pedía nove anos e medio.
O xuízo concluíu este martes tras celebrarse xa dúas sesións previas en setembro e outubro na Sección Cuarta da Audiencia. Na sesión final, o acusado fixo uso do seu dereito á última palabra no xuízo oral e aproveitou para aclarar determinadas cuestións que se escoitaron na sala e considera que non son certas.
Nunha breve intervención, aclarou que "de 20 puñaladas, nada", en alusión á acusación particular, que afirma que a súa vítima recibiu ese día 24 puñaladas; e que "foi cun coitelo só" e non cos polo menos dous dos que fala a Fiscalía.
Ademais, deu resposta á dúbida da Fiscalía sobre o motivo polo que non a matou a pesar das múltiples puñaladas: "como me deu pena, non a quixen matar". Engadiu que coas 20 puñaladas das que falan as acusacións, "se a quixera matar, non asistiría aquí" (ao xuízo).
A fiscal explicou que cambiou a súa acusación porque na vista oral quedou acreditado que o acusado desistiu das súas intencións en base á súa propia declaración, da da vítima e do veciño que declarou este martes, que abriu a xanela e viu ao acusado e á vítima a uns 8-10 metros, ela xa estaba lesionada e el non a estaba acoitelando xa.
Tras a vista oral, a acusación particular non coincide coa fiscal e mantén a súa petición de nove anos e medio de prisión e 10.971 euros de indemnización. O avogado mantén que o que ocorreu aquel día en Valga foi "una escena de un crimen de película" no que o acusado lle dixo unha frase moi gráfica á súa vítima mentres a acoitelaba: "que mala eres de matar".
A defensa do acusado, pola súa banda, mantén que debe ser absolto ao aplicárselle a circunstancia eximente completa de alteración psíquica, pois o acusado ten un atraso mental evidente e ese día "estaba alterado, irascible, fuera de sí, desbocado" e facía un relato "de fantasía" do ocorrido.
Ademais achegou un informe médico que desaconsella o ingreso en prisión do seu cliente polo seu estado mental e porque xa cando estivo en prisión preventiva por estes feitos acabou autolesionándose.
Relacionadas:
-
Tres anos e medio de cárcere para un home que acoitelou á súa noiva ao berro de: "Que mala es de matar"
Por Natalia Puga |
-
Suspenden un xuízo por tentativa de homicidio porque a testemuña "crave" négase a acudir á Audiencia por "ansiedade"
Por Oskar Viéitez |
-
"Se quixera matala, ela non estaría aquí"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Acoitelou e golpeou na cabeza á súa noiva mentres lle gritaba: "Que mala es de matar!"
Por Oskar Viéitez |