Acoitelou e golpeou na cabeza á súa noiva mentres lle gritaba: "Que mala es de matar!"
Por Oskar Viéitez
O xoves día 28, a sección cuarta da Audiencia celebrará un xuízo por un delito de homicidio en grao de tentativa. Xulgarán un home, maior de idade e sen antecedentes penais, por acoitelar presuntamente en reiteradas ocasións á que fora a súa compañeira sentimental. O fiscal pide nove anos e medio de prisión.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, sobre as cinco da madrugada do día 22 de outubro de 2015, cando se atopaba nunha vivenda de Cangas coa que fora a súa parella durante catro anos, servíndose de dous coitelos de 7,5 centímetros de folla e con intención de causarlle a morte, procedeu a apuñalala en reiteradas ocasións.
A muller logrou saír ao exterior da vivenda, momento en que o acusado a alcanzou novamente e volveuna a apuñalar varias veces e golpeoulle a cabeza contra un muro mentres lle dicía "que mala es de matar". Finalmente a muller conseguiu chegar a casa dun veciño que a auxiliou, motivo polo que o acusado tivo que abandonar as súas intencións.
O acusado padece un atraso mental moderado e un trastorno somatomorfo que afecta moderadamente á súa capacidade volitiva.
Por auto da Audiencia de Pontevedra de data 16 de febreiro de 2016 impúxose ao acusado a prohibición de aproximación a un radio de 200 metros da súa ex parella.
Concorren as circunstancia agravantes de parentesco e abuso de superioridade e a atenuante analóxica de alteración psíquica.
O fiscal tamén solicita ao tribunal que se impoña ao acusado a prohibición de achegamento con dispositivo telemático de control a unha distancia de 500 metros da súa ex compañeira por período de 15 anos, así como a prohibición de entrada e residencia na localidade de Cangas por igual período.
Ademais engade que o acusado indemnizará á muller na cantidade de euros 1.375 euros polas lesións causadas e na cantidade de 15.000 euros polas secuelas.
Relacionadas:
-
Tres anos e medio de cárcere para un home que acoitelou á súa noiva ao berro de: "Que mala es de matar"
Por Natalia Puga |
-
"Como me deu pena, non a quixen matar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden un xuízo por tentativa de homicidio porque a testemuña "crave" négase a acudir á Audiencia por "ansiedade"
Por Oskar Viéitez |
-
"Se quixera matala, ela non estaría aquí"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |