Ana Pontón presentará no Principal as propostas do BNG para unhas novas bases democráticas en Galicia
Por Redacción
Este venres 3, ás 20.30 horas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón protagonizará un acto da formación nacionalista no Teatro Principal de Pontevedra no que se presentarán as "bases democráticas para unha nova Galicia".
O representante comarcal do Bloque, Demetrio Gómez, anunciaba a celebración deste evento destacando as calidades de Galicia para converterse nunha potencia e asegurou que tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía frean o desenvolvemento do país.
Demetrio Gómez afirmaba que en Pontevedra existen exemplos de como se limita o futuro do municipio. Citou á prórroga a Ence concedida polo goberno de Mariano Rajoy para permitir que permaneza na ría impedindo que esta contorna natural poida promover outros recursos económicos, turísticos ou sociais. Tamén lamentou a política forestal e a económica, que está a expulsar os mozos galegos cun alto nivel de formación, dixo o nacionalista. Ademais indicou a necesidade dunha banca pública galega.
Por este motivo, o representante nacionalista entende que é necesario un novo marco político-institucional que garanta o progreso do pobo galego. Demetrio Gómez aclarou que esta proposta é independente do procés catalán e engadiu que o BNG é partidario de que Galicia decida como organizarse para aproveitar todos os seus recursos, pero non van copiar outros modelos.
"Non actuamos a rebufo doutros países", sinalou Demetrio Gómez no anuncio do acto deste venres que ademais de Ana Pontón contará coa participación da concelleira pontevedresa Carme da Silva e do portavoz do grupo municipal do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo.
Relacionadas:
-
Pontón pide en Pontevedra "dar un paso adiante" para acadar un "novo estatus" para Galicia
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Concentración contra a aplicación do artigo 155 da Constitución
Por Mónica Patxot |
-
O 'barco de Piolín' e o procés cóanse no pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |