O 'barco de Piolín' e o procés cóanse no pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O 'barco de Piolín' no que policías nacionais despregados en Cataluña levan aloxados un mes e o procés catalán para a independencia, día 1-O incluído, centraron este xoves boa parte do pleno de Pontevedra, ao que acudiron entre 20 e 25 axentes da Policía Nacional e a Garda Civil.
O desencadenamento da inusual escena foi o grupo municipal do PP, que presentou unha moción para dar o apoio da corporación aos axentes despregados e acosados en Cataluña. A polémica estaba servida e o debate prolongouse, pero finalmente saíu rexeitada, pois votaron en contra BNG e Marea (12) e a favor, PP, PSOE e Cidadáns (10).
Representantes de todos os sindicatos da Policía Nacional acudiron á sesión para presenciar o debate político xerado por mor da moción presentada e mostraron o seu malestar coa postura adoptada polo BNG e Marea Pontevedra. Durante a sesión, apuparon aos portavoces dos dous partidos para este debate, Carme da Silva e Luís Rei, e acusáronos de "demagogos" e de apoiar a "pantomima ilegal" do referendo. Ao seu remate, realizaron unha pequena concentración ás portas do Teatro Principal e recrimináronlles a ambos os partidos que "desprezan" ao corpo.
O debate foi intenso e cargado de reproches. O portavoz do PP, Jacobo Moreira, botou en cara ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que este ano non acudise ás celebracións e os patróns da Garda Civil e a Policía Nacional e que asinase como alcalde de Pontevedra un manifesto en apoio aos alcaldes do procés. "Bajo ningún concepto puede firmar un manifiesto en el nombre de Pontevedra. Ha usurpado el nombre y el sentir de los pontevedreses", criticou.
O BNG sinalou que recoñecen o labor dos policías e gardas civís, que adoitan facer o seu traballo "de forma profesional e rigorosa", pero que reprochan o ocorrido o 1 de outubro en Cataluña porque houbo unha "intromisión política" na que o Goberno estatal os enviou como "lanzadeiras" para exercer unha represión política. Non responsabilizan aos axentes, senón aos políticos do PP. Ademais, Carme da Silva aproveitou para manifestar que lles "indigna" que digan que defenden a dignidade dos axentes e logo téñanos hacinados no 'barco de Piolin'.
O portavoz do PSOE, Tino Fernández, criticou a "espiral enloquecida" que se vive en Cataluña co Goberno estatal e a Generalitat enfrontados como nunha "película de Cantinflas" e deu o seu apoio aos policías que "defenden a democracia e a legalidade" e están a ser acosados.
O portavoz de Marea, Luís Rei, o máis apupado polos policías presentes, asegurou que votaría a favor da moción do PP se quixese dar o seu apoio aos policías e gardas civís pola súa actuación exemplar nos últimos días durante a onda de incendios forestais, pero non neste caso, pois protagonizaron accións de violencia contra persoas que só pretendían votar.
A portavoz de Cidadáns, María Rey, foi a máis contundente no seu apoio incondicional aos policías e gardas civís, pero reprochou ao PP que "el gobierno permitió esta situación en Cataluña" e que dar o seu apoio aos policías tamén implicaría acompañalos nunha concentración convocada polos sindicatos ante a Comisaría -á que só acudiu Cidadáns- e facer algo en resposta á súa petición de equiparación salarial cos Mossos d'Esquadra.
O debate foi tenso e o alcalde mesmo tivo que pedir ao público que gardasen silencio cando falaba o portavoz de Marea. "O que non vou permitir son provocacións", indicou e lembroulles que ao público permíteselle asistir, pero só poden falar os membros da corporación. que son "os representantes dos cidadáns".
Relacionadas:
-
Ana Pontón presentará no Principal as propostas do BNG para unhas novas bases democráticas en Galicia
Por Redacción |
-
PP e PSOE aproban na Deputación unha moción de apoio á Policía Nacional e a Garda Civil
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Xa é hora de que a Policía Nacional e a Garda Civil deixemos de ser a policía low cost"
Por Natalia Puga |
-
O SUP pide que o alcalde de Pontevedra sexa declarado persoa 'non grata' para a Policía Nacional
Por Redacción |
-
O PP traslada á Deputación a petición de apoio para as forzas e corpos de seguridade
Por Redacción |
-
VIDEO.- "No están solos": A Garda Civil apoia aos axentes desprazados a Cataluña
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
O PP critica que o goberno local non apoie os actos da patroa da Garda Civil "cando máis o necesitan"
Por Redacción |
-
O PP traslada o seu apoio e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil
Por Redacción |
-
Lores non retirará o seu apoio ao "dereito a decidir" de Cataluña: "Eu son nacionalista"
Por Alejandro Espiño |