Vivir sin permiso, a "gran saga familiar" que Telecinco grava nas Rías Baixas
Por Alejandro Espiño
"No es una serie que va de drogas". Aitor Gabilondo, creador de Vivir sin permiso, déixao bastante claro. Foxe das comparacións con Fariña, a serie que Antena 3 tamén roda en Galicia, porque a súa, que emitirá Telecinco en 2018, é unha "gran saga familiar" que toca esporadicamente o narcotráfico, pero non o converte en protagonista das súas tramas.
Así o destaca o seu responsable ante os medios que foron convidados a rodaxe da serie, entre eles PontevedraViva. Asomado no balcón, aos pés das escaleiras da entrada ao Pazo da Toxeiriña, en Moraña, recíbenos un maxestuoso José Coronado convertido no empresario Nemo Bandeira, o auténtico dono e señor da comarca ficticia de Oeste, as nosas Rías Baixas.
"Es su primer papel de señor", explica Gabilondo sobre o traballo de Coronado nesta ficción que, aínda que se resiste a comparala con outras producións, acaba por identificar nela trazos de El rey Lear, El Padrino, Los Soprano ou, mesmo, Falcon Crest. Iso si, "con mucha acción" e cunha trama "trepidante" que non deixará indiferente a ninguén.
Sobre Nemo Bandeira (Coronado) vira a historia de Vivir sin permiso. É un home que se enriqueceu no pasado con actividades ilegais pero que, co paso do tempo, conseguiu blanquear a súa traxectoria ata erixirse nun dos empresarios máis influentes de Galicia, a través da súa importantísima compañía conserveira.
Cando a Nemo, ao cumprir os 60 anos, diagnostícanlle alzhéimer, tratará de ocultar a súa enfermidade para non mostrarse vulnerable ante os seus inimigos. "Es la primera gran serie que se hace en España sobre el alzhéimer", explica Aitor Gabilondo. Ao mesmo tempo, pon en marcha o proceso para elixir o seu sucesor, o que provoca unha hecatombe na familia.
Os seus dous fillos lexítimos, que nunca tiveron interese algún polos negocios, de súpeto tentan demostrar que cada cal é o candidato máis adecuado. O seu afillado, o brillante e implacable avogado Mario Mendoza, ao que dá vida o actor Álex González, é obxectivamente o máis preparado, aínda que carece de algo vital: levar a mesma sangue que o seu padriño.
Ao saber que Nemo non o contempla como herdeiro do imperio, Mario poñerá en marcha o seu propio plan sen abandonar o seu encantador sorriso, que o converterá no máis perigoso e despiadado dos seus inimigos.
Desde o pasado mes de xuño, máis dun centenar de persoas traballan para que Vivir sin permiso, serie creada a partir dun relato de Manuel Rivas, chegue a televisión. Acaban de comezar a rodar o noveno dos trece episodios que terá a serie na súa primeira tempada. "Habrá más si el público quiere", aseguran os seus responsables.
Case a metade de cada un dos episodios desenvólvese nun pazo, o da Toxeiriña, que "nos enamoró nada más verlo", segundo Gabilondo. "Hemos aprovechado todos sus rincones para ambientar la serie". Así, reconvertido na residencia familiar dos Bandeira, é a xoia dunha rodaxe no que "no hay nada de estudio" e na que todo se gravou en localizacións reais.
"Las Rías Baixas son un gran plató. Tienen una gran potencia visual. Todo es tremendamente fotogénico. Le da mucha verdad a la historia", resume Aitor Gabilondo. Así, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou A Illa de Arousa son, entre outras, tres das principais localidades onde se grava, ata decembro, a serie. Ademais, "mostraremos mucha costa".
Todo o equipo móstrase encantado con Galicia, onde residen desde hai meses. "Creo que la serie no sería posible en otro lado", recoñece o seu creador. Mesmo lles respectou a climatoloxía. "No nos llueve. Para los bosques es malo pero para nosotros es bueno", explica, ao non producirse atrasos nas gravacións.
"Esta serie es la que más se parece a lo que había imaginado", conclúe un entusiasmado Gabilondo. "Y en algunos momentos, es mejor". Para comprobalo haberá que esperar a que Telecinco decida emitila. "Estaremos listos para cuando nos digan". E coas maletas feitas para, se ten éxito, volver moi pronto a Galicia para gravar unha segunda tempada.
Relacionadas:
-
Telecinco estrea "Vivir sin permiso", a serie con José Coronado e Álex González gravada en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, de moda en cine e TV: "Fariña", "Vivir sin permiso" e "La sombra de la ley"
Por Alejandro Espiño |
-
A Illa de Arousa, por terra, mar e aire en "Volando voy" con Jesús Calleja
Por Alejandro Espiño |
-
"Vivir sin permiso", a serie de José Coronado e Álex González, busca figurantes. Queres ser un deles?
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra convértese en Oeste para os seis meses de rodaxe de "Vivir sin permiso"
Por Alejandro Espiño |
-
Telecinco rodará nas Rías Baixas a serie "Vivir sin permiso" con José Coronado e Álex González
Por Alejandro Espiño |