Falece un motorista tras un accidente cun todoterreo en Caldas
Por Natalia Puga
Un motorista de 40 anos faleceu na noite deste venres no Hospital do Salnés, horas despois de sufrir un accidente cun vehículo todoterreo na estrada N-640 ao seu paso por Caldas de Reis.
O sinistro produciuse sobre as 19.20 horas á altura da parroquia caldense de Bemil e consistiu nunha colisión frontolateral entre unha motocicleta Kimco e un todoterreo Audi Q5.
Nun primeiro momento, o condutor da motocicleta resultou ferido grave e foi evacuado ao Hospital do Salnés. Dúas horas máis tarde confirmouse o seu falecemento como consecuencia das feridas sufridas.
O condutor do outro vehículo implicado resultou ileso, aínda que ambos os vehículos sufriron danos materiais.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Caldas e Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Os axentes de Tráfico tiveron que regular a circulación e dar paso alternativo aos vehículos que circulaban pola N-640, pois a moto implicada quedou tirada no medio da calzada.