Un tribunal popular xulgará esta semana o home acusado de matar a súa ex e o novo noivo dela en Arbo
Por Redacción
Un tribunal popular xulgará a partir deste luns 16 de outubro, e durante toda a semana, a Arturo D.S., un home acusado de asasinar a súa ex parella e ao novo noivo desta disparándolles de socato de madrugada no interior dun coche nas inmediacións do campo de fútbol de Arbo, onde apareceron espidos.
O xuízo celebrarase na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e o xurado deberá decidir se o considera culpable ou non de dous delitos de asasinato coas circunstancias agravantes de aproveitamento de lugar e tempo que facilitan a impunidade do delincuente e, no caso do da súa ex parella, tamén a de parentesco. A Fiscalía pide que sexa condenado a 46 anos de prisión, 23 por cada deltio.
O acusado mantivo unha relación sentimental coa falecida e tiñan unha filla en común que, no momento do crime en xullo de 2015, tiña nove anos. O fiscal pide ao tribunal que lle retire a patria potestade da nena e tamén que indemnice a todos os familiares dos dous falecidos nunha cantidade que deberá fixarse na sentenza.
O fiscal considera que o acusado e o seu ex parella finalizaran a súa relación sentimental uns meses antes do verán de 2015, pero el seguía insistindo en renovar a relación e a convivencia e acudía con frecuencia ao lugar de traballo dela. Tiña, segundo sostén, un carácter posesivo, extremadamente controlador e violento cara a ela.
Este comportamento levouno a vixiala, en ocasións escondido entre as árbores, e noutras seguíndoa en automóbil, tanto persoalmente como servíndose de amigos e cando ela estaba en España e tamén en Portugal. Ademais, chegou a colocar un aparello de videograbación na rotonda situada a uns 25 metros da vivenda da moza para comprobar a hora á que pasaba e se ía soa ou acompañada e solicitou a un coñecido que introducise un sistema de control remoto no móbil para controlarlle os WhatsApp, onde se atopaba en cada momento e se estaba soa ou coa súa nova parella, o tamén falecido.
Os dous falecidos, segundo o fiscal, sospeitaban que os vixiaba, tal e como sostiñan nas conversacións de WhatsApp achegadas a esta causa. Ademais, el manifestáballe a diversas persoas que a súa ex parella era para el ou non era para ninguén, e que mataría a ambos, aínda que tales ameazas nunca foron postas en coñecemento nin da Garda Civil nin da Fiscalía.
A noite do crime, a do 2 ao 3 de xullo de 2015, o acusado acudiu cun coñecido ao bar no que traballaba a súa ex parella sobre as 23.30 horas e propúxolle irse de vacacións xuntos. Foise sobre a medianoite e ela saíu de traballar pouco despois e ela e o seu novo noivo acudiron a unha paraxe escondida situada nas proximidades de Arbo, concretamente no Monte da Telleira, onde mantiveron relacións sexuais. Pensaban que estaban en intimidade, pero o acusado acudiu tamén e disparoulles na cabeza cunha escopeta.
O fiscal sostén que actuou "co vil, egoísta, cruel e inhumano propósito de arrebatar a vida" a ambos. Era un cazador experto que tiña na súa casa cinco escopetas, tres rifles e unha carabina e disparou de tal forma que os dous falecidos non tiveron ningunha oportunidade de defenderse ao seu ataque inesperado.
Segundo o escrito de acusación, pasaron 21 horas desde os crimes ata que o acusado foi detido e utilizou ese tempo para desfacerse da arma utilizada e do teléfono do seu ex parella que se levou do lugar do asasinato e para eliminar calquera resto ou rastro que o vinculase cos crimes.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena a 47 anos de prisión para o acusado do dobre crime machista de Arbo
Por Natalia Puga |
-
O control "obsesivo" do acusado do crime de Arbo permitíalle saber "en todo momento" o que facía a súa ex parella
Por Alejandro Espiño |
-
"Llevo 27 meses en prisión y no sé por qué", di o acusado polo crime de Arbo
Por Alejandro Espiño |