"Llevo 27 meses en prisión y no sé por qué", di o acusado polo crime de Arbo
Por Alejandro Espiño
Un xurado popular ten nas súas mans, desde este luns, o futuro de Arturo Domínguez Sebastía, o home acusado de matar a tiros á súa ex parella e ao noivo desta, en xullo de 2015, nun monte de de Arbo (Pontevedra).
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra acolleu a primeira sesión do xuízo por este crime que, segundo o escrito de acusación, foi cometido polo acusado quen, tras seguir á parella ata a zona e, aproveitando un momento de intimidade, disparoulles de socato na cabeza cunha escopeta sen que ningún deles tivese posibilidade de defenderse.
Durante a súa declaración ante o tribunal, Arturo Domínguez negou matar á parella. "Llevo 27 meses en prisión y no sé por qué", dixo a preguntas do fiscal. A noite do crime afirmou acudir en compañía dun amigo ao bar no que traballaba Beatriz, pero asegura que á hora que os mataron "yo estaba en Portugal y después me fui a casa".
O acusado explicou que "no soy una persona celosa ni agresiva", aínda que recoñeceu que non lle gustaba que a súa noiva traballase como camareira, que protagonizara incidentes previos con dous supostos pretendentes de Beatriz, a un dos cales chegou a agredir, e que tamén se produciron episodios "desagradables" dentro do domicilio conxugal.
A relación entre ambos rompeu seis meses antes do crime. Aínda así, segundo o acusado, "nos seguíamos viendo de forma habitual" e mantiña coa súa familia unha relación "muy buena". Tanto é así que, engadiu, "ella me seguía dando esperanzas de que íbamos a volver", polo que afirmou que "tenía que luchar para estar con ella".
Tras a ruptura con Beatriz, seguíaa ás agachadas "para saber si me estaba engañando" e chegou a gravala en vídeo. Aínda que non puido precisar cantas veces vixiouna, o acusado asegurou que só viu xuntos á parella unha única vez. Foi diante do bar no que ela traballaba. "Vi que se estaban besando" e, segundo sinalou, a partir de aí deuna por perdida.
Arturo Domínguez garantiu que non perdeu de vista o seu teléfono móbil en todo momento e que nunca tivo o teléfono de Beatriz "desde que nos separamos". Esta declaración é relevante pois, segundo a Fiscalía, unha antena de telefonía sitúa ambos os teléfonos xuntos, primeiro no lugar do crime e despois -xa mortas as vítimas- na casa do acusado.
Para resolver esta cuestión, sinalou o fiscal Juan Sagredo, hai unha proba "fundamental" que sería poder acceder ao terminal do acusado pero este, do mesmo xeito que durante a fase de instrución, negouse a facilitar o código de desbloqueo -que non se pode conseguir por vía policial nin xudicial- porque "no me acuerdo de los números".
O fiscal ten claro que, "como buen cazador", Arturo Domínguez "hizo un seguimiento de su presa, les siguió, sabía a dónde iban, esperó el momento y les mató"
"Si es verdad que no estaba allí, en dos o tres días se hubiera retirado la acusación", explicou o fiscal, que sospeita que non quere facilitar o código porque iso "le incriminaría objetivamente". As antenas de repetición "determinan que él no estaba donde dice que estaba sino que estuvo donde se mató a Beatriz y a Sergio", asegura Sagredo, algo que demostraría, máis aló dos indicios existentes, o GPS do terminal.
O fiscal ten claro que, "como buen cazador", Arturo Domínguez "hizo un seguimiento de su presa, les siguió, sabía a dónde iban, esperó el momento y les mató", despois de verlles manter relacións sexuais "en un sitio apartado de cualquier persona", tras o cal levou o teléfono móbil da vítima para tratar de urdir unha coartada.
Para a Fiscalía, é culpable de dous delitos de asasinato e debe ser condenado a 46 anos de prisión; pena que a acusación particular, que representa ás familias das dúas vítimas, eleva a 50 anos, 25 por cada unha das mortes.
A defensa de Arturo Domínguez solicita a libre absolución do seu cliente, ao entender que "no hay pruebas" de que cometese o crime. "Solo hay pruebas de que él no lo hizo", dixo o seu avogado, probas que segundo o letrado "trataron de borrarse" durante a instrución.
"Cogieron a un santo y a partir de ahí buscaron la ropa para vestirlo pero ninguna de esa ropa le encaja", sentenciou o avogado do acusado.
Con motivo do inicio do xuízo, que se celebrará durante toda a semana na Audiencia de Pontevedra, medio centenar de persoas, entre veciños e amigos das familias das dúas vítimas, concentráronse ás portas da sede xudicial para esixir que se faga "xustiza" e demostrar que "estamos xunto ás familias".
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena a 47 anos de prisión para o acusado do dobre crime machista de Arbo
Por Natalia Puga |
-
Condenan o acusado do dobre crime de Arbo a 47 anos de prisión
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Despiden con berros de "asasino" a Arturo Domínguez, culpable do crime de Arbo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O acusado do doble crime de Arbo, ao xurado: "Son inocente. Xamais mataría a ninguén"
Por Alejandro Espiño |
-
As antenas de telefonía sitúan o acusado do crimen de Arbo preto do lugar onde apareceron os cadáveres
Por Alejandro Espiño |
-
O control "obsesivo" do acusado do crime de Arbo permitíalle saber "en todo momento" o que facía a súa ex parella
Por Alejandro Espiño |
-
O acusado polo crime de Arbo estaba "obsesionado" coas vítimas e amenazábaas, segundo as testemuñas
Por Alejandro Espiño |
-
Un tribunal popular xulgará esta semana o home acusado de matar a súa ex e o novo noivo dela en Arbo
Por Redacción |