Rosa Quintana enxalza o labor da Asociación de mulleres do Mar de Arousa a prol da igualdade de oportunidades
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou este sábado o labor da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa a prol da igualdade de oportunidades no eido marítimo-pesqueiro e púxoa como exemplo de entidade que permite ver o papel importante da muller neste ámbito. Fíxoo no marco da clausura do curso de habilidades sociais que organizou esta asociación e que se celebrou esta semana no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).
Alí a titular de Mar tamén destacou o apoio da Xunta a esta asociación coa que comparte obxectivos e os intereses das mulleres vinculadas ao mundo do mar, subliñou. Neste sentido, sinalou que, tanto a Administración galega como a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa traballan para reforzar a visibilidade do traballo feminino, destacando o importante peso na economía pesqueira e no entorno social.
Tamén traballan, engadiu, para empoderar a posición profesional da muller no sector, entendéndoa como motor de dinamización e crecemento económico das súas comunidades.
Outro dos aspectos que impulsan é a empregabilidade feminina, aumentando a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas. Neste sentido, Rosa Quintana fixo fincapé en que a promoción da igualdade entre mulleres e homes segue a ser un tema prioritario nas estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas pola Consellería del Mar e desenvolvidas polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).
En canto á orixe desta asociación, a conselleira do Mar lembrou que naceu no marco do GALP da ría de Arousa, servindo como un nexo de unión entre as mulleres do sector marítimo para favorecer a cooperación entre elas. Tamén indicou que o proxecto contou cun amplo consenso dos diversos sectores da economía marítima e que contaba con alta representación das diferentes entidades da zona.